Armand e Michèle Mattelart, Cristina Pato e Jacques Guyot, entre outros, participarán no I Congreso
A Asociación Galega de Investigadores e Investigadoras (AGACOM) celebra o I Congreso Internacional AGACOM “Alén das fronteiras: redes na diversidade” os días 20 e 21 de novembro. O encontro terá lugar na Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela (USC). A través deste congreso científico, AGACOM busca promover e impulsar a investigación na rama da información e a comunicación no ámbito lusófono. O encontro cadra, ademais, coa data dos 25 anos de implantación dos estudos de comunicación en Galicia. Ata a capital galega achegaranse investigadoras e investigadores internacionais de renome como Armand Mattelart, catedrático de Ciencias da Información e Comunicación na Universidade París VIII (Vincennes-Saint Denis), Michèle Mattelart, investigadora do Centro Nacional para a Investigación Científica (CNRS) e da Unesco, Jacques Guyot, profesor da Universidade París VIII (Vincennes-Saint Denis), e Cristina Pato, reputada gaiteira galega membro e asesora de Educación do Silk Road Ensemble de Yo-Yo Ma e nomeada Blodgett Distinguished Artist in Residence na Universidade de Harvard. Este congreso contará tamén coa presenza dos presidentes das asociacións de investigadores e investigadoras de Portugal (SOPCOM), Paulo Serra, e de Cabo Verde (MEDIACOM), Silvino Lopes Évora. Ademais, estarán os profesores da Universidade Autónoma de Barcelona Emili Prado e Rosa Franquet; da Universidade do Minho, Madalena Oliveira; e o presidente da Real Academia Galega, o profesor Víctor Fernández Freixanes. Durante o acto de clausura do martes 21, o reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Juan Viaño Rey, entregará a Michèle e Armand Mattelart a Medalla de Ouro pola súa contribución ao ámbito académico, científico e investigador. Cristina Pato, ademais de participar no panel científico sobre investigación e redes, actuará no acto de peche do congreso.