Pesar polo pasamento de José Marques de Melo
Directiva e socios da AGACOM queren transmitir o máis profundo sentimento de pesar polo pasamento do profesor Jose Marques de Melo, tan querido e apreciado na Galiza e apoio fundamental para o impulso desta asociación.
Marques de Melo, pai da institucionalización como área académica das Ciencias da Comunicación e do Xornalismo no Brasil e primeiro doutor en Comunicación titulado por unha universidade brasileira, foi un intelectual xeneroso que deixou fonda pegada na comunidade investigadora que liderou dende a INTERCOM, asociación da que foi fundador no ano 1977.
A continuación reproducimos as verbas que pronunciou Margarita Ledo Andión na homenaxe que a Asociación Española de investigación de la Comunicación (AE-IC) lle rendeu a José Marques de Melo durante o congreso anual celebrado en Madrid.
--
Homenaxe da AE-IC ao Prof. Dr. José Maques de Melo
Catedrático Emérito da Universidade de Sao Paulo, Director da Cátedra UNESCO de Comunicación, Presidente de Honra de INTERCOM
Sob o signo de palabras como Memoria, como Desafío, botando man de da chave do tempo achegámonos, na punta dos pés, a unha obra diversa e a unha biografía persoal e intelectual inmensa: a do Catedrático Emérito da Universidade de Sao Paulo, Director da Cátedra UNESCO de Comunicación, Presidente de Honor de INTERCOM, prof. José Marques de Melo.
Entramos nun universo que exhibe e advirte da necesidade de relacionar e mantén activas todas as cariátides –e a cultura oral é unha delas- que, na historia e sempre a partir das coordenadas precisas do espazo a labrar, fan emerxer diferentes modos de expresión cos que construímos ese tecido rugoso que até hai ben pouco denominamos “relacións sociais de comunicación” e que, arestora, identificamos, nunha das súas variantes, como “cooperación”.
Tal si se tratase dun realizativo, esta palabra, cooperación, non evita nin debe disimular o conflito. Aínda menos enmascarar intereses, desalentar tomas de posición, eludir contradicións que nutren o campo científico secomasí as distintas escolas metodolóxicas. Porque, desde elas, de maneira dialóxica –outra volta un termo que identifica a nivel práctico e de pensamento o profesor Marques de Melo-, podemos converter a cooperación nunha experiencia de coñecemento e nun proceso transformador.
É este un dos múltiples sentidos que definen o Congreso da AEIC e por iso recoñecemos ao nordestino que di de si mesmo : Herdei do meu clã sentimentos de independência, justiça e tolerancia. Marques é un deses académicos e comunicólogos que fai xenealoxía e, desde o seu propio “Itinerário Circunstancial de um Andarilho da Utopia”, explícanos a pasaxe do rexistro factual ao pensamento, do vestixio á contextualización e interpretación da proba empírica, do enunciado á reflexión crítica. Do tema ao problema.
En continuo movemento, o ronsel que conduz até o profesor Marques de Melo da profesión de xornalista cara a Academia, das pescudas parciais dos sesenta até a localización e configuración daqueles paradigmas teóricos que alicerzan e definen o campo dos estudos de comunicación en Brasil; ese ronsel, dicíamos, espállase nunha ampla produción científica, capacidade organizadora e creación de estruturas en rede, á par dunha vocación divulgadora e de aplicación do coñecemento que, consonte co seu compromiso ético-político, vese reflectida na recén creación do Seminario (permanente) de investigación latinoamericana de comunicación “José Marques de Melo”no seo de CIESPAL, unha estrutura que o acollera, como bolseiro UNESCO, aló polos difíciles sesenta.
Nacido en Palmeira dos Índios, Alagoas (Brasil), Marques de Melo estuda na Universidade de Pernambuco e no 1959 inicia o seu periplo como xornalista local. En 1966, da man de Luiz Beltrao, comezo a a súa carreira académica e unha longa travesía en pos da construción do que agora identificamos coma Escola latino-americana de Ciencias da Comunicación. En 1967 Marques de Melo, xa en Sao Paulo, funda o Centro de Pesquisas de Comuniçao Social na Facultade de Jornalismo Cásper Libero e será docente-fundador da Escola de Comunicaçoes e Artes de la USP. Expulsado da Universidade pública pola ditadura militar, no setenta e nove retoma a cátedra na Universidade de Sao Paulo onde vai ser director da ECA entre o oitenta e nove e o noventa e tres. De 1997 a 2000 dirixe a Universidade Metodista onde, durante 10 anos, será titular da cátedra UNESCO de “Comunicación para el desenvolvimiento regional”. A concesión do Prêmio Jabuti, en 2013, por História do Jornalismo ou a serie de 4 volumes que na colección “Fortuna Crítica” lle dedica a INTERCOM e que analizan aspectos sociais, mediolóxicos, teóricos, pedagóxicos ou de vangarda e liderado, son unha pequena mostra do recoñecemento a unha experiencia “EntreNaçoes e Inter-Relacoes”, parafraseando o título dunha obra de 2013 na que autores e autoras dun mapa virtual -que se alonga de Montreal a Porto pasando por toda Iberoamérica - entran en diálogo co seu legado.
Discernir, aplicar a proxectos, organizar estruturas de mediación, compilar, divulgar, conectar as persoas que se inician na investigación cos vellos Mestres e Mestras… Nunca caeu na armádella de confrontar os dereitos individuais cos colectivos, nin a comunicación profesional coa comunitaria. Nas súas obras, desde Estudos de jornalismo comparado (de 1972), até História Política das Ciências da Comunicaçao, o Mídia e Cultura Popular, ambas en 2008, desde Comunicación Multicultural en Iberoamérica - Historia Conceptual y Teoría Comparada, en 2010, a Teoria e metodologia da comunicação, en 2015, a observación dos cámbios, a interculturalidade, o diálogo entre formación, construción de comunidade de pensamento e de acción así como lexitimar, a nivel internacional, o espazo latino-americano de comunicación, para alén do estudo das relacións -visíbeis e latentes- entre medios, democracia e poder, nortean un fecundo modo de facer e de saber que neste Congreso da AE-IC queremos celebrar.
Tiven a sorte de cruzarme co profesor Marques de Melo en 1988, con motivo do Congreso da IAMCR na cidade de Barcelona e en 1998 convocábamos en Compostela, coa súa presenza, o II Coloquio Brasil-Estado Español de Ciencias de la Comunicación. Coma outras colegas da AE-IC, agora formo parte do “Colegio dos Brasilianistas da Comunicaçao”, unha iniciativas que, da súa man, botou a andar en 2015, fai apenas un ano.
Situar a diversidade no corazón do sistema mediático, tomar distancia e repensar a sociedade do coñecemento, construír comunidade, vencellar a democracia política co rol dos medios de comunicación, alentar un, dous, moitos lugares de debate e de vínculos entre todas e todos nós, son características que o definen e cuxos resultados podemos tocar coa man.
Porque a súa actitude e capacidade para incorporar achegas e opinións novas, fan que poidamos transitar as diferentes paisaxes que atravesou -do periódico local á ECA, da presidencia auroral na INTERCOM, a LUSOCOM, a CONFIBERCOM ou a SOCICOM a innúmeras iniciativas pedagóxicas ou editoriais, son incontábeis os premios e gabanzas que, coma este acto, queren manifestar unha vez máis: profesor Marques, por tudo, obrigados, obrigadiña e como dicimos pola miña terra, “saúde e que cante o merlo”.
Margarita Ledo Andión
Universidade de Santiago de Compostela, USC
Vicepresidenta 1ª de la AE-IC
Presidenta da AGACOM e da LUSOCOM
Vicepresidenta da ASSIBERCOM
Madrid, 5 de xullo de 2016