top of page

Margarita Ledo recibe a homenaxe da AE-IC "a toda unha vida de investigación en comunicación"

A Asociación Española de Investigación da Comunicación (AE-IC) rendeu hoxe homenaxe á Presidenta de Honra da AGACOM Margarita Ledo Andión, catedrática de Comunicación Audiovisual e Publicidade da USC e coordinadora do Grupo de Estudos Audiovisuais. Ledo Andión convértese na primeira muller do ámbito estatal que recibe o recoñecemento a toda unha vida de investigación en comunicación por parte da AE-IC dende a fundación da asociación no ano 2006.


Margarita Ledo Andión pronunciando o seu discurso.

Tal e como se publica na páxina web do Grupo de Estudos Audiovisuais que a homenaxeada dirixe, na resolución pola que se outorgan estes recoñecementos, a xunta directiva da AE-IC destaca o amplo traballo investigador desenvolvido por Margarita Ledo Andión durante máis de 35 anos, con especial atención ao documental e ao fotoxornalismo. Este labor compleméntase cunha intensa traxectoria creativa na literatura e no audiovisual, así como co impulso á cooperación entre os mundos lusófono e hispano no eido da comunicación.


A xunta directiva subliña tamén o compromiso da catedrática da USC coa propia Asociación Española de Investigación da Comunicación, da que forma parte dende a súa creación e na que exerceu como vicepresidenta entre os anos 2008 e 2016 e presidenta do comité organizador do congreso fundacional que se celebrou na Facultade de Ciencias da Comunicación.


Compromiso coa diversidade

Ao longo destas máis de tres décadas, Margarita Ledo Andión dirixiu diversos proxectos de I+D+I nacionais e internacionais, o máis recente deles o ‘EU-VOS. Patrimonio Cultural Inmaterial: para un programa europeo de subtitulado en linguas non hexemónicas’, continuación do que finalizou en 2015, ‘EDCINEMA. Cara ao espazo dixital europeo. O papel das pequenas cinematografías en versión orixinal’. No congreso de Valencia daranse a coñecer, precisamente, os resultados globais do proxecto ‘EU-VOS’ que aborda a problemática do cinema en versión orixinal, a tradución e a preservación da diversidade lingüística e cultural en Europa.


Doutora en Ciencias da Comunicación pola Universitat Autònoma de Barcelona, as liñas de pescuda de Ledo Andión traballan a produción e o acceso a bens culturais dende a diversidade, as políticas de comunicación e as teorías feministas nos universos da creación e da expresión.


Margarita Ledo diríxese aos socios da AE-IC durante o seu discurso.

Alén de numerosos artigos en publicacións científicas de referencia, entre os seus libros cómpre destacar Foto-xoc e xornalismo de crise (Edicións do Castro, 1988), polo que recibiu o Premio Grupo Foto; Documentalismo fotográfico contemporáneo (Xerais, 1995); Documentalismo fotográfico (Cátedra, 1988); Del Cine-Ojo a Dogma95 (Paidós, 2004); Cine de fotógrafos (GG, Barcelona 2005), premio Fundació Espais d’Art Contemporani e o ensaio El cuerpo y la cámara (Cátedra, 2020). A catedrática da USC coordina a serie Para unha historia do cinema en lingua galega, colección de tres volumes editada por Galaxia que traza un percorrido crítico e analítico polos filmes dende o século XX até as primeiras dúas décadas do novo milenio.


Como cineasta, desenvolveu o seu traballo de maneira especial no documental, con filmes como Santa Liberdade (2004), Liste, pronunciado Líster (2007) e Nación (2020); para alén da ficción A cicatriz branca (2012). É Premio Nacional da Cultura Galega 2008 en Cine e Audiovisual, Premio Otero Pedrayo 2017 e membro da Real Academia Galega.

Comments


Entradas destacadas
Entradas recentes
Arquivo
Buscar por tags
bottom of page